O Concello aproba en pleno a proposta de solicitude para declarar a Baixada de Carrilanas como Festa de Interese Turístico de Galicia

Remitirase agora á Xunta, a administración competente para tomar a decisión
Valdoviño, 2 de xuño do 2023. O Concello de Valdoviño aprobou en pleno a proposta que remitirá á Xunta de Galicia para solicitar a declaración da Baixada de Carrilanas a San Mamede como Festa de Interese Turístico de Galicia. Por unanimidade, o acordo foi adoptado onte á tardiña no último pleno da lexislatura. O alcalde en funcións, Alberto González, avanzábao hai uns días, trala reunión de traballo coa asociación promotora da cita, unha das máis destacadas do calendario festivo local, que este 2023 cumprirá a simbólica cifra de 25 edicións.
No informe que presentará o Concello de Valdoviño, xustifícase punto por punto os requisitos que establece a Xunta para a concesión. Dende a antigüidade ata o arraigo, pasando pola singularidade, valor cultural ou promoción e capacidade de recepción de visitantes do evento. Neste sentido, Alberto González puxo en valor o labor da asociación, que puxo moi fácil a elaboración do informe coa aportación de abundante material sobre todo audiovisual destas últimas 2 décadas. E, tamén, o traballo que levou a cabo a empresa local Goodlife, elaborando o expediente.
Agora, esa solicitude pasará á Xunta, que será a que decida a declaración. De lograrse, Valdoviño contará no calendario con 2 festas de Interese Turístico de Galicia, sumando así a Baixada de Carrilanas ao Pantín Classic.
A baixada de carrilanas de San Mamede está incluída nas probas da Federación Galega de Deportes de Inercia, a Federación Española de Deportes de Inercia e no Campionato de España e no Europeo, ademais da Federación Europea. As categorías europeas nas que se compite son: C1-C4 SPEED CAR, C5 SIDE CAR, C6 BOB CAR, C7 CARIOLI,C8-C9 KART SPEEDDOWN, C10 SKELETON. Outras categorías e galardóns durante os eventos anuais son as carrilanas de madeira, que enxalzan o patrimonio lúdico do xogo popular, longboard e dirt surf, freeboard, street luge, gravity bikes, patinaxe de descenso, golfos, ou a categoría de simpatía e creatividade, unha singularidade en Valdoviño.