O Concello aproba en pleno a numeración de todo o termo municipal
O seguinte paso será a publicación no Boletín Oficial da Provincia do acordo para a súa exposición pública
O pleno de Valdoviño aprobou inicialmente a numeración de todo o termo municipal. Foi na sesión ordinaria celebrada o pasado xoves e, con este paso, iníciase a tramitación para dotar ó Concello dunha numeración oficial da que hoxe carece. Un proceso que se suma ao que xa está en marcha respecto á parte urbana.
Así, o seguinte paso será a publicación do documento no Boletín Oficial da Provincia. Someterase a exposición pública e abrirase o trámite de presentación de alegacións ao documento. Superadas estas fases, o Concello estaría en condicións de remitir a proposta ao Instituto Nacional de Estatística para a súa tramitación definitiva.
Segundo explicou o alcalde, Alberto González, sería a culminación dun longo proceso que permitirá aos veciños e veciñas contar cunha numeración que facilite na práctica trámites tan cotiás como a recepción dos envíos postais ou a tramitación de documentación administrativa. Así mesmo, explicou que a proposta aprobada inicialmente en pleno axústase á toponimia actual, adaptada á tradición oral que impera na maior parte da localidade.
.