O Concello aproba descontos no IBI para as familias numerosas e na rodaxe dos coches máis ecolóxicos
A medida busca aliviar a economía dos fogares nun momento no que os prezos non deixan se subir
Valdoviño, 26 de agosto do 2022.O Concello de Valdoviño vén de aprobar inicialmente a modificación de dous de dous dos impostos municipais, incorporando bonificacións cun impacto directo no peto dos cidadáns. Medidas que contribuirán á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Valdoviño. Trátase de descontos no IBI, que afectarán ás familias numerosas, e máis no de rodaxe de vehículos ecolóxicos.
No que atinxe á contribución, o beneficio fiscal aplicarase exclusivamente á vivenda de Valdoviño na que resida de forma habitual toda a familia numerosa. (Os seus integrantes deberán estar empadroados no municipio. A rebaixa será do 30 % no caso de familias numeras de categoría xeral (caso de proxenitores con tres ou catro fillos, ou dous cando un deles teña unha discapacidade) e alcanzará o 50% para as familias numerosas de categoría especial (con carácter xeral, cinco ou más fillos).
Trátase dunha proposta coa que o goberno local busca aliviar a economía das unidades familiares de Valdoviño que, pola súa amplitude, contan con máis gastos que a media, nun contexto no que a cesta da compra non deixa de subir. Ademais, tal e como apunta o alcalde, Alberto González, esta medida será un argumento extra para atraer poboación ao municipio.
En paralelo, o pleno de Valdoviño deu luz verde inicial a descontos no Imposto de vehículos de tracción mecánica. Afectarán aos turismos e aplicaranse durante tres anos, “en función das características dos motores, clase de combustible que consuma o vehículo e a incidencia da combustión no medio ambiente”.
A bonificación será do 40 % tanto para os vehículos híbridos como para os “vehículos de motor eléctrico e/ou emisións nulas, ou que utilicen exclusivamente como combustible biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol e hidróxeno”. Unha medida coa que se busca protexer o medio ambiente e “premiar” ás persoas que invisten neste tipo de coches ecolóxicos.
Os anuncios de aprobación inicial das modificacións das ordenanzas fiscais publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e pasan agora a exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles.