O Concello aproba a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Por unanimidade, a corporación dá luz verde á incorporación da Administración local á axencia autonómica, previa sinatura do convenio e publicación do mesmo no diario oficial
Valdoviño, 17 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño incorporarase como membro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Así o aprobou onte en pleno a corporación municipal por unanimidade. Segundo explicou o alcalde, Alberto González, na práctica o Concello delegará así na axencia autonómica o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística establecidas na Lei do Solo de Galicia en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas en solo rústico ou non urbanizable; solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentras non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal.
Agora, o seguinte paso a dar para facer efectiva a adhesión á APLU será a sinatura do convenio de colaboración entre Concello e Xunta e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.
En todo caso, nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación do convenio, que serán exercidas polo Concello. Ademais, a resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia, en exercicio de competencias delegadas, corresponderalle igualmente a Axencia, logo do informe do Concello, que deberá emitirse no prazo máximo dun mes. Transcorrido este, continuarase coa tramitación do recurso.
Coa adhesión, o Concello comprométese a cooperar coa Axencia para o exercicio das súas competencias e facilitarlle o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información e documentación se lle solicite. Tamén a participación da Policía Local para facilitar as inspeccións, entre outras.