O Concello aposta pola promoción dos produtores locais nos grandes eventos deportivos como o Campionato de España Kids, Junior, Open e Master
Habilitará no evento un espazo expositor común para a comercialización e difusión dos produtos de artesáns, emprendedores e autónomos
Valdoviño, 21 de maio do 2026. A praia de Pantín volverá ser escenario do Campionato Chiquiprós RSM de Surf, unha das cinco probas do circuíto nacional nas categorías KIDS -sub 10 e sub 12- e Junior -da sub 14 á sub 18-, reunindo así ás promesas do surf nacional. Será do 29 de xuño ao 5 de xullo, coincidindo tamén co Campionato de España Open e Máster, organizado neste caso pola Federación Española de Surfing. Eventos que se converterán nun magnífico escaparate para a localidade. Neste sentido, a concelleira de Turismo e Comercio, Rosana García, avanzaba esta mañá que, coa colaboración de RSM Club de Surf, organizador nas categorías KID e Junior, o Concello quere aproveitar o tirón da cita para difundir as marcas e produtos locais.
Así, tal e como fixera co Pantín Classic, o Concello habilitará un espazo baixo carpa para que as persoas autónomas, pemes, artesáns e produtoras locais de Valdoviño poidan comercializar os seus produtos no transcurso da competición.
Así mesmo, co ánimo de dar a coñecer a iniciativa, a Concellería de Turismo e Comercio convoca ás persoas interesadas a unha reunión de traballo a celebrar o próximo venres 29 de maio, ás 18:30 horas, no salón de plenos da casa consistorial. Non é necesario inscribirse previamente, tan só cómpre achegarse nesa data e hora ao lugar sinalado.
