O Concello amplía o servizo de salvamento na praia da Frouxeira ata o domingo

Os socorristas continuarán no areal ata o 6 de setembro de 12 a 20 h

Valdoviño, 31 de agosto do 2026. O Concello de Valdoviño ampliará o servizo de socorrismo uns días máis na praia da Frouxeira, a máis concorrida da localidade. A iniciativa soe adoptarse cada ano, estendendo a presenza do persoal de salvamento máis aló do 31 de agosto, cando conclúe o servizo nos areais valdoviñeses. Algún ano tamén se ten ampliado a presenza en Pantín, coincidindo coa celebración do Abanca Pantín Classic Galicia Pro.

Así as cousas, os socorristas continuarán na Frouxeira ata o domingo 6 de setembro, no seu horario habitual de 12:00 a 20:00 horas.

O Concello de Valdoviño volveu este ano a realizar un importante esforzo inversor neste capítulo, destinando unha partida superior aos 100.000 euros para as contratacións.