O Concello amplía a Pantín as clases de ximnasia de “Valdoviño Saudable”

Ante a demanda rexistrada, abre a inscrición para a actividade, que se celebraría martes e xoves de reunirse un mínimo de participantes

 Valdoviño, 22 de setembro do 2023. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou esta mañá que o Concello decidiu ampliar a Pantín as clases de ximnasia incluídas no programa municipal «Valdoviño Saudable». Unha decisión que se sustenta na demanda planteada por numerosos veciños e veciñas da parroquia. Así, de reunirse un mínimo de participación, a actividade levarase a cabo no local social os martes e xoves. Hai uns anos, o Concello descentralizaba esta actividade, e a día de hoxe, ofértase en Meirás, Valdoviño e Vilarrube. Sumaría por tanto un cuarto emprazamento de confirmarse o grupo de Pantín. Xunto a ximnasia, a programación inclúe tamén tenis e tiro con arco, no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. 

O prazo de incrición en todas as actividades pecharase o luns 25 de setembro, agás ximnasia en Pantín, que se estenderá ata o venres 29. Para anotarse, as persoas interesadas poden facelo a través da sede electrónica (https://acortar.link/iMEI24) ou presencialmente na casa consistorial (de 9:00 a 14:00 h). O custe mantense respecto a anos anteriores, con tarifas que oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal. E, como é habitual, en caso de que a demanda exceda a oferta terán preferencias as persoas empadroadas en Valdoviño.