O Concello adxudica por 974.000 euros as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario de Valdoviño
A intervención ampliará a superficie do inmoble cunha segunda planta, o que permitirá habilitar un centro de día e aulas de formación
Valdoviño, 29 de novembro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de adxudicar o contrato das obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario. Por unanimidade, a corporación municipal daba luz verde en pleno á intervención, que executará a empresa Obras Gallaecia SL cun prazo de execución duns 9 meses. Nas obras, investiranse 974.409,72 euros e permitirán ampliar a superficie das instalacións cunha segunda planta, abrindo así as posibilidades do inmoble para albergar un centro de día e aulas de formación homologadas para a impartición de cursos.
Tras varios meses de obras, o Concello concluía a primeira e segunda fase da intervención a primeiros do ano 2020, o que supuxo a transformación do antigo mercado municipal no actual edificio social. O estalido da pandemia, coincidente co remate dos traballos, limitaba o seu pleno funcionamento e, a día de hoxe, alberga servizos como as terapias de atención para persoas afectadas de alzheimer, así como charlas formativas puntuais e algunhas actividades deportivas.
O Concello sacaba a licitación as obras desta terceira fase a finais de xuño, aínda que nesa primeira convocatoria quedaban desertas e en agosto o pleno aprobaba por unanimidade volver a sacar os traballos a licitación.