O Concello adxudica o novo contrato do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria por 4,4 millóns en dez anos

O pleno deu luz verde á adxudicación a FCC Medio Ambiente S.A.U., paso previo á sinatura do contrato, que amplía substancialmente a frecuencia da recollida, implanta o colector marrón e aposta pola compostaxe

Valdoviño, 7 de outubro do 2022. O pleno do Concello de Valdoviño aprobou a adxudicación a FCC Medio Ambiente S.A.U. do contrato para a prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e de limpeza viaria. Un contrato no que o Concello investirá preto de 4,5 millóns na próxima década -a razón de 444.067,26 euros ao ano-. Trátase do último paso administrativo dun longo proceso que culminará nas próximas semanas coa sinatura do contrato entre Concello e empresa, e co que se pretende dar resposta ós problemas no servizo derivados dun contrato obsoleto no que as condicións non daban cobertura ás necesidades detectadas. 

As principais melloras serán o incremento da frecuencia de recollida en todo o municipio; a implantación do contedor marrón para a recollida de residuos biodegradables; a aposta decidida pola compostaxe doméstica; o incremento do número de contedores, e a significativa ampliación e reforzo dos servizos e zonas de actuación do servizo de limpeza viaria. 

A partir da súa entrada en vigor, estableceranse dúas zonas de recollida -en lugar das cinco actuais- e unha diferenciación entre a época estival e o resto do ano, de cara a atender as necesidades derivadas do incremento da poboación que rexistra o municipio no verán aumentando a frecuencia de recollida nestes meses. Así, a frecuencia mínima de recollida da fracción resto será de 7 días á semana para o verán e 6 días á semana o resto do ano. Unha importante mellora, xa que a día de hoxe o servizo préstase 6 días na zona 1; 3 días na zona 2, e 2 días nas zonas 3, 4 e 5. 

Ademais, o Concello incorporará a recollida de residuos biodegradables a través do contedor marrón -residuos alimentarios e outros restos orgánicos derivados de fogares, oficinas, restaurantes ou outras actividades-. E, nesta liña, apostará decididamente pola compostaxe, coa implantación dun programa que contará co asesoramento porta a porta da empresa que resulte adxudicataria, entre outras iniciativas. 

Outra das novidades será a renovación e ampliación da rede de colectores -hoxe en día, uns 1.100 en todo o municipio-, eliminando aqueles que se atopen illados e priorizando a instalación de illas completas nas que sexa posible depositar polo menos a fracción orgánica, envases lixeiros e resto. Ademais, a empresa adxudicataria executará un detallado calendario de tarefas de limpeza e desinfección dos mesmos, e comprométese á súa renovación inmediata en caso de necesidade. 

No tocante ó servizo de recollida de enseres, incorporaranse os restos vexetais procedentes da poda de árbores e vexetación de xardíns particulares -hoxe en día non contemplados-. 

E, finalmente, en relación ó servizo de limpeza viaria, implantaranse novas zonas de limpeza e servizos, como o baleirado de papeleiras; varrido manual; baldeo de rúas; eliminación de vexetación en beirarrúas e estradas ou limpeza de contedores de cartón/papel e de vidro. 

En definitiva, o Concello de Valdoviño contempla con este contrato a renovación e actualización da prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e do servizo de limpeza viaria, sumando a incorporación de novos criterios para adaptarse ao novo escenario demográfico do municipio, ao gran aumento de poboación con carácter estacional, aos requirimentos legais vixentes e ás novas necesidades dos usuarios do sistema.