O Concello adxudica as obras na estación de bombeo da Cubeta por máis de 30.000 euros

A intervención permitirá ampliar o servizo de saneamento aos lugares de Fornos e Pallotas, na parroquia de Meirás

O Concello de Valdoviño vén de adxudicar á firma Técnica Norte Electricidad SL as obras de extensión da rede eléctrica para dar subministro á estación de bombeo situada na Cubeta, en Meirás. Uns traballos nos que a Administración local investirá de 30.248,91 euros a financiar con cargo aos fondos do POS Adicional 2019 cun prazo de execución de 3 meses.

A actuación permitirá a posta en marcha da estación de bombeo da Cubeta, o que facilitará a ampliación do servizo de saneamento aos lugares de Fornos e Pallotas, na parroquia de Meirás. Para iso, será preciso a instalación das correspondentes bombas –cuxa sustracción denunciou no seu día o Concello ante a Garda Civil, aínda que nunca chegaron a funcionar, xa que a instalación carecía de suministro eléctrico, situación que tamén se remediará con esta intervención-.