O Concello adxudica as obras de construción da pista deportiva e das 2 primeiras pistas de pádel cuberta do Complexo Deportivo Atios
O alcalde, Alberto González, avanza o inicio da intervención nas próximas semanas, cun investimento superior aos 240.000 euros
Valdoviño, 29 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de adxudicar as obras de construción da pista deportiva e das dúas primeiras pistas de pádel cubertas que albergará o Complexo Deportivo Atios, contiguo ao centro educativo. Aí o avanzou esta mañá o alcalde, Alberto González, tras a xunta de goberno local. Explicou que o Concello investirá 243.544,89 euros nesta intervención, a primeira fase do proxecto, e que será Eulogio Viñal a empresa encargada de levar adiante os traballos. Deste xeito, e trala adxudicación provisional, as obras darán comenzo antes de rematar o ano.
Para a execución desta primeira fase, o Concello contará coa colaboración da Deputación, que financiará a maior parte do orzamento, uns 200.000 euros, namentras que o resto sufragarase con fondos municipais.
As obras adxudicadas contemplan a construción dunha pista multideporte de 40×20 (máis de 1.000 metros cadrados de superficie construída) e 2 pistas de pádel cubertas de 10×20 metros cada unha (651,30 metros cadrados).
Así mesmo, e como sinala o alcalde, trátase dunha primeira fase do Complexo Deportivo Atios, que incluirá piscina cuberta climatizada e piscina terapéutica, ximnasio, vestiarios e unha cafetería con terraza, entre outros servizos e a través das 3 fases previstas.