O Concello adxudica as obras de aglomerado da Avenida de Ferrol e mellora de drenaxe na estrada da Costeira por 113.622,05 euros
Tralo concurso aberto, a empresa José No Mantiñán resultou adxudicataria da intervención, que se financiará con plans provinciais
Valdoviño, 30 de novembro de 2023. Tralo concurso público aberto polo Concello de Valdoviño, a administración local vén de adxudicar á empresa José No Mantiñán as obras de acondicionamento da Avenida de Ferrol. Os traballos contemplan o aglomerado do vial, no tramo entre a intersección coa estrada de baixada á praia da Frouxeira ata o cruce coa rúa Robaleira, nas inmediacións da praia pequena.
Na actuación, segundo explica o concelleiro de Infraestruturas Viarias, Germán Gómez, investiranse 113.622,05 euros procedentes dos plans provinciais da Deputación da Coruña. Uns fondos que inclúen tamén traballos de mellora da drenaxe das cunetas na estrada da Costeira, a fin de evitar inundacións do camiño como as rexistradas o pasado inverno en días de fortes precipitacións.
Na Avenida de Ferrol buscan dar solución ao avanzado de deterioro do vial, e contemplan a limpeza de marxes e cunetas, o rebacheo daqueles puntos máis deteriorados, o aglomerado do vial, a renovación das bandas rugosas limitadoras de velocidade existentes e traballos de sinalización.