O Concello adxudica as obras de acondicionamento dos camiños de Costeira, Mourela e do Broño
A empresa Excavaciones Saavedra y López SL executará os traballos, cun investimento de 59.989,51 euros, a financiar con cargo a Agader
Valdoviño, 2 de febreiro do 2023. O Concello de Valdoviño vén de adxudicar á empresa Excavaciones Saavedra y López SL os traballos de acondicionamento dos camiños de Costeira e Mourela, na parroquia de Valdoviño, e de Broño, en Lago. Nas obras, a Administración local investirá 59.989,51 euros, con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas que promove Agader.
As obras levaranse a cabo nos tres camiños, ao longo dunha superficie total de 3,9 quilómetros. En todos os casos, as vías serven a núcleos agrícolas, gandeiros e forestais, con diversas explotacións, e nun avanzado estado de deterioro.
No caso do camiño da Costeira, actuarase no tramo que une Mourente con Aviño. Uns 673 m, cun ramal de 337 metros. En Broño, a intervención levarase a cabo en dous treitos de 384 metros e 1.002 metros. E no camiño de Mourela, as obras realizaranse ata o enlace con Corval -uns 1.100 metros-.
Ademais da limpeza de cunetas, rebacheo das zonas máis deterioradas e instalación de sinalización, dotarase aos viais dunha nova capa de rodadura, formada por rego superficial e un rego de selado e area grosa ou grava fina.