O Concello adquire dez novos equipos DESA para a súa instalación en centros educativos, sociais, deportivos e praias

O contrato contempla tamén formación no manexo dos desfibriladores
Valdoviño, 28 de abril do 2023. No marco do proxecto «Valdoviño, concello cardioprotexido», o Concello vén de adquirir e instalar dez novos equipos DESA integrados por desfibrilador, vitrina, sinaléctica, kit reanimación e placa identificativa. O contrato, por importe cercano aos 18.000 euros, contempla tamén accións formativas sobre o seu manexo e, en caso de avaría, a reposición inmediata dos equipos e o arranxo dos mesmos. As ubicacións destes novos equipos son o Punto de Atención á Infancia, escola unitaria de Taraza, local social de Sequeiro, centro sociocomunitario, centro As Forcadas, escola unitaria de Vilarrube, local social de Loira e inmediacións das praias do Baleo, Campelo e Outeiro. 
O obxectivo do programa é facilitar o acceso á cidadanía dos citados puntos de rescate en emprazamentos estratéxicos con tempo de acceso en torno aos 5 minutos, o máximo de actuación que concede a cadea de supervivencia. 
As novas adquisicións dan continuidade á primeira fase do proxecto, executada en 2022, e que contemplou a instalación de 8 equipos na casa do concello, piscina municipal, campo de fútbol de Mourente, casa da cultura, pavillón municipal, centro social de Vilaboa e casetas de socorrismo das praias do Río de Meirás e Vilarrube. Ademais, entregáronse outros dous equipos á Policía Local e á Garda Civil, adaptadas aos seus vehículos, e leváronse a cabo accións formativas presencial en materia de soporte vital básico e manexo do DESA.