O Concello activará na escola unitaria de Taraza o programa Concilia Tempos Mañás
Será así o primeiro curso no que o servizo se preste no CRA O Esquío
Valdoviño, 13 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño ampliará o programa municipal Concilia Tempos Mañás ao CRA O Esquío. Así, o servizo prestarase na escola unitaria de Taraza a partir do 1 de outubro. Ata o momento, 4 nenos e nenas están anotadas, polo que a inscrición manterase aberta co ánimo de sumar novas adhesións. Debe formalizarse no rexistro xeral municipal ou sede electrónica (e a ficha pode descargarse da web municipal, no seguinte enlace: https://cutt.ly/aWnsv3X) .
Será a primeira vez que este servizo de conciliación se active nas escolas unitarias, despois do compromiso adquirido polo Concello de implantalo de constatar demanda. O programa iniciábase co curso no CPI Atios e, en apenas uns días, completábanse as prazas ofertadas. A través do mesmo, ofrécese un espazo de conciliación nos centros educativos para a chegada dos nenos e nenas a partir das 7,30 horas, con almorzo incluído e actividades de lecer didáctico.