O Concello activará Concilia Tempos Mañás no CPI Atios e nas unitarias de Lago e Taraza

Preto de 30 nenos e nenas participarán neste programa municipal

Valdoviño, 4 de setembro do 2023. Co inicio do curso o próximo luns, 11 de setembro, arrancará tamén o programa municipal Concilia Tempos Mañá que impulsa o Concello de Valdoviño nos centros educativos do municipio. Este ano, ofrecerá o recurso no CPI Atios e nas escolas unitarias de Lago e de Taraza, contribuíndo así a facilitar a necesaria conciliación das obrigas laborais e o coidado dos fillos e fillas menores por parte das familias. 

No mes de xuño abríase o prazo para solicitar o servizo, rexistrándose preto de 30 inscricións. Dezaoito delas corresponden a alumnado do CPI Atios, namentras que outras 5 son de estudantes da escola de Taraza e 4, de Lago. En todo caso, o departamento municipal de Servizos Sociais mantén aberto o prazo ata completar as prazas ofertadas: 25 no Atios e 10 en cada escola. No teléfono 981 48 70 41 ext.5 atenden consultas sobre o programa. 

Concilia Tempos Mañás é un servizo de almorzos saudables e actividades de lecer didáctico que se activa de luns a venres ás 7:30 horas, ata o inicio das clases. O custe para as familias é de 30 euros ao mes, e de 20 no caso de medio mes.