O Concello activará Concilia Mañás no CPI Atios e unitarias, con horarios ampliados

 

O prazo de matrícula ábrese este xoves e o servizo de conciliación prestarase baixo un protocolo específico de prevención fronte á covid-19

O Concello de Valdoviño activará por segundo ano consecutivo o programa Concilia Tempos Mañás, pero nesta ocasión con horario ampliado, dende as 7,30 horas, e coa vista posta nas medidas de prevención fronte á covid-19.

Segundo avanzou o alcalde, Alberto González, a previsión é arrancar este servizo municipal de conciliación en outubro tanto no CPI Atios como nas escolas de Taraza e Vilarrube, integradas no CRA O Esquío. Para iso, é preciso contar cun número mínimo de nen@s inscrit@s. A principal novidade é a ampliación de horarios, xa que comezará ás 7,30 horas e prolongarase ata o inicio das clases, ás 9,30 h. Así, as persoas interesadas en dispor do mesmo, deben solicitalo entre o 10 e o 20 de setembro, a través da sede electrónica ou no rexistro municipal sito na planta baixa da casa consistorial.

As prazas son limitadas e no caso de existir máis demanda procederase a baremar, tendo preferencia as familias con padrón no Concello e nas que os membros adultos estean a traballar, as numerosas e as monoparentais. O prezo é de 30 euros/mes e 20 euros/medio mes, e neste tempo desfrutarán dun almorzo variado e saudable, así como de contos, conversas e música.

Ademais, existirá un protocolo específico da covid-19 que se cumprirá por parte das persoas acompañantes, de xeito que sexa un espazo seguro e igualmente agradable. Manterase a distancia de seguridade e o uso de utensilios personalizados e non compartidos, do mesmo xeito que se manterán unhas entradas seguras e unha incorporación programada ao resto do grupo da aula. Por último, sinalar que se manterá unha reunión informativa coas familias antes do inicio do servizo.

.