O Concello activa o protocolo anticovid e clausura o PAI ao confirmarse un caso positivo

O alcalde, Alberto González, explica que se deu traslado da situación ás familias dos nenos e nenas, xa que os menores son contactos directos e por tanto con obriga de confinamento domiciliario

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta tarde de que o Concello vén de activar o protocolo anticovid procedendo ao peche temporal da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia tras confirmarse hai unhas horas un caso positivo entre os nenos e nenas que acoden a diario pero dende o venres, e grazas á boa praxis da familia cumplindo o protocolo, xa non asistía ao centro por inicio dos síntomas a fin de semana.

Aínda que o protocolo autonómico establece que Sanidade contactará cos contactos directos das persoas positivas en covid-19, o Concello non quixo esperar un minuto e deu traslado da situación ás familias dos menores usuarios do PAI. Ao considerarse contactos directos, os nenos e nenas deberán confinarse nos seus domicilios, sendo o centro de seguemento de casos o que se porá en contacto coas familias das crianzas.

Dende o Concello de Valdoviño, tomaranse todas as medidas ao seu alcance e confía e desexa na pronta recuperación do menor afectado.