O Concello activa o programa cultural “Polo Camiño” para dinamizar a ruta a San Andrés

Arrancará esta fin de semana coas actuacións de Ghazafelhos e Black

A Concellería de Cultura de Valdoviño arrinca o outono activando unha nova aposta de lecer. Trátase de “Polo Camiño”, un programa que, ás portas do Xacobeo 2021, busca dinamizar a ruta de San Andrés de Teixido, con espectáculos nalgúns dos puntos máis significativos deste itinerario de peregrinación ao seu paso pola localidade.

O novo ciclo municipal xorde baixo o paraugas de Cultura no Camiño +, iniciativa financiada pola Xunta de Galicia e máis por Gadis para potenciar, como anticipo do Ano Santo, a oferta cultural dos concellos por onde discorren os Camiños de Santiago e outras rutas de peregrinación complementarias, como é o caso da de San Andrés.

“Polo Camiño”, pensado para gozar en familia, iníciase este sábado cunha proposta pensada para os máis pequenos e as máis pequenas da casa. A obra “Monstros no Camiño” da compañía naronesa Teatro dos Ghazafelhos poñerase en escena no campo da festa da Rocha, a partir das 18 horas.

Os menores serán tamén os principais destinatarios doutras dúas propostas programadas. Así, o sábado 3 outubro, dende as 18 horas, Raquel Queizás leva á contorna da Capela da Fame, punto de parada obrigada para os romeiros que se dirixían a Teixido, o seu espectáculo de contos “O eco das pedras”. E o domingo 4, a partir das 18 horas, xunto á ermida de Porto do Cabo, enclave onde o camiño deixa as terras valdoviñesas, Teatro Marionetas Trécola presenta “Gaela quere ser druída”.

A única actuación prevista á marxe do Camiño de San Andrés desenvolverase este domingo (28 de setembro, ás 19 horas) precisamente na igrexa dedicada ao apóstolo Santiago, na parroquia de Lago. Será un concerto dos coruñeses Black, que leva por título “Soul e literatura: un paseo, entre liñas, pola música negra”.

Todos os espectáculos de “Polo Camiño”, pensados para centrar o foco na ruta a Teixido, contribuíndo á súa divulgación, terán aforo limitado, e desenvolveranse conforme ao protocolo preventivo fronte ao covid-19, sendo obrigatorio o uso de mascarilla e o mantemento da distancia interpersoal.

As invitacións para asistir ás obras poderanse retirar de luns a mércores, de 11 a 14 horas, na Casa da Cultura de Valdoviño a mesma semana na que se programen as actuacións. Entregaranse un máximo de dous pases por persoa.

 

.