O Concello activa “Móvete en Valdoviño”, un programa de rutas guiadas de sendeirismo pola contorna natural

A inscrición para participar na primeira, a celebrar o 1 de agosto con parada na ermida do Porto e o Faro de Punta Frouxeira, abrirase este luns.

Valdoviño, 24 de xullo de 2020. O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, pon en marcha “Móvete en Valdoviño”. Un programa de rutas guiadas de sendeirismo que levará ás persoas participantes á ermida do Porto e ao Faro de Punta Frouxeira, ao encoro das Forcadas, ao Baleo ou ao Miradoiro do Paraño. Desenvolveranse os sábados e a primeira arranca o 1 de agosto. A mellor forma de coñecer Valdoviño e a súa contorna natural e, ao mesmo tempo, fomentar hábitos saudables a través do deporte.

As rutas son de balde, con inscrición previa e prazas limitadas. Haberá que aportar nome e apelidos, DNI, data de nacemento, localidade de empadronamento e teléfono de contacto. É preciso ter 18 ou máis anos. A inscrición para a primeira ruta, a celebrar o 1 de agosto, a Meirás (contorna da ermida do Porto e Faro) ábrese este luns e péchase o xoves 30 de xullo. Pódese formalizar no correo deportes@concellodevaldovino.com ou teléfono 626465531. A ruta dará comezo ás 10 horas -o punto de partida especificarase ás persoas inscritas-.

Nesta liña, o concelleiro de área, Sergio Saavedra, explicou que a situación derivada da COVID-19 obriga ao Concello a plantear unha serie de recomendacións imprescindibles para tomar parte nas rutas como son: o uso obrigatorio de mascarilla e levar nas rutas un pequeno bote con líquido desinfectante para as mans. Así mesmo, cada participante levará o seu propio material deportivo e a súa bebida e comida. Durante a marcha, é recomendable camiñar en paralelo cunha distancia mínima de 1,5-2 metros (en caso de que non sexa posible manter esta distancia debido á existencia de vías estreitas farase en fila de un, respetando as distancias entre o anterior e o seguinte participante). As paradas de descanso que se realizarán durante a ruta serán en lugares amplos onde se poidan manter as distancias de seguridade e, se algún participante necesita algún tipo de axuda, para acceder a algún lugar, será obrigatorio a posterior desinfección das mans.

 

Como recomendacións xerais para asistir á ruta, a Concellería de Deportes lembra a importancia de levar: mascarilla e xel hidroalcólico (obrigatorio); roupa e calzado cómodo; gorra, visera ou similar; protección solar; auga e algún alimento (froita, barrita enerxética, etc), e chuvasqueiro (dependendo das condicións climatolóxicas).