O Concello activa Concilia Tardes no CPI

Desenvolverase de luns a venres de 14,30 a 16 h para alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria do centro educativo valdoviñés

Valdoviño, 11 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño activa Concilia Tardes, dirixido a estudantes de Educación Infantil e Primaria do CPI Atios. Desenvolverase de luns a venres de 14,30 a 16 horas, e a través da iniciativa ofrecerase un espazo no que teñan cabida actividades como a lectura, o debuxo ou a realización das tarefas escolares que lles mandan dende o cole, así como a aprendizaxe de diferentes materias co acompañamento dunha persoa profesional. Ademais, prevense outras accións como xogos de memoria, estratexia, razonamento, habilidades artísticas e físicas…

As familias interesadas en anotar aos seus fillos e fillas deben solicitar a participación no departamento municipal de Servizos Sociais, a través do teléfono 981 48 70 41 extensión 5. O prazo ábrese este mércores 13 de outubro, ata o 25 de outubro, co ánimo de arrancar o proxecto en novembro. O prezo mensual é de 25 euros, con descontos do 20% para irmáns/ás participantes. Así mesmo, a partir das 15,30 h (hora de saída na ESO), poderá participar o estudantado de Secundaria con irmáns/ás inscritos/as. A ese custe sumaranse 5 euros.

Por último, sinalar que terán prioridade as familias empadroadas no Concello, que traballen con xornada coincidente coa franxa horaria e que teñan algunha das circunstancias especiais que se recollen na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, así como os ingresos económicos.