O Concello abrirá o próximo martes a inscrición nos obradoiros de estimulación cognitiva
Para persoas maiores de 60 anos, celebraranse con participación gratuíta en Valdoviño e en Meirás
O Concello de Valdoviño reedita a súa aposta polos obradoiros de estimulación cognitiva para maiores de 60 anos. E, o vindeiro martes, 13 de outubro, abrirá o prazo de inscrición na actividade, con participación completamente gratuíta e preferencia para as persoas empadroadas no municipio de Valdoviño. Pode formalizarse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 48 76 66, ata o venres 23 de outubro (incluído), de luns a venres e en horario de 11 a 14 horas.
As sesións desenvolveranse no Centro Sociocomunitario de Valdoviño os xoves (en dúas quendas de ser necesario: de 16 a 17 e de 17 a 18 horas) e os martes no local social da AVV de Meirás (de 9,30 a 10,30 horas).
Impartidos polo técnico Daniel Cartelle, entre as actividades formativas a realizar están os traballos para mellorar a fixación; traballos para mellorar as memorias: curto e longo prazo. Sensorial, semántica, episódica (autobiográfica), de recoñecemento, declarativa (recordos que necesitan ser evocados), e procedimental (actos da vida diaria adquiridos e executables); traballos de nivelación cultural, e xogos lúdicos de estimulación cognitiva.
.