O Concello abrirá este luns o prazo de preinscrición no Punto de Atención á Infancia

Este servizo municipal é gratuíto para as familias con menores de 3 meses a 3 anos, e clave para a conciliación de vida familiar e laboral

Valdoviño, 13 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño abrirá o próximo luns 17 de marzo, e ata o día 30, o prazo de preinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. As familias interesadas en solicitar este recurso de conciliación gratuíto poden realizar o trámite presencialmente, no rexistro municipal ou a través da sede electrónica, e descargar os impresos dende a web municipal ou recollelos no departamento municipal de Servizos Sociais.

O centro, dirixido a nenos e nenas de 3 meses a 3 anos, é unha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias, con prioridade para as empadroadas en Valdoviño. Emprázase nunha contorna única como é a zona da praia e lagoa da Frouxeira, e conta no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e office. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta.

O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas (pode aumentarse con horas soltas). Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.

Calquer dúbida ou consulta pode realizarse a través do teléfono de Servizos Sociais: 981 48 70 41 extensión 5.

DESCARGA DE DOCUMENTOS