O Concello abre un novo prazo para solicitar as axudas para material escolar e transporte

Na primeira convocatoria, 112 menores beneficiáronse das subvencións

Valdoviño, 5 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño abre a partir de mañá martes, e por espazo de cinco días hábiles, un novo prazo para solicitar as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e para o transporte. O Boletín Oficial de Provincia publicaba hoxe o anuncio, marcando así a nova convocatoria. O trámite pode realizarse no rexistro xeral ou telematicamente. 

Na primeira convocatoria, un total de 61 familias accederon ás subvencións, o que beneficiará a 112 menores -102 recibirán as axudas para a adquisición de material escolar e outros 10 para o transporte-.

Así, con elas búscase facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e o seu fin é compensar a aquelas familias que polas súas condicións económicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da escolaridade. Entre os requisitos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas no municipio, ao día nas obrigas tributarias co Concello, Axencia Estatal Tributaria, Seguridade Social e Facenda da Comunidade, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.