O Concello abre preinscricións na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para novos ingresos no curso 2026-2027

As familias poden realizar o trámite ata o 30 de marzo

Valdoviño, 13 de marzo do 2026. O Concello de Valdoviño avanzaba esta mañá a apertura do prazo de preinscrición no Punto de Atención á Infancia-Aula da Natureza para novos ingresos no curso 2026-2027. O trámite poderá realizarse a partir do 15 de marzo e ata o día 30 deste mes, a través da sede electrónica ou presencialmente no rexistro municipal da casa consistorial. Así mesmo, na web municipal www.concellodevaldovino.com as familias poden descargar os impresos e consultar a documentación a aportar.

A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia é un recurso municipal para facilitar ás familias a conciliación das súas obrigas laborais co coidado dos fillos e fillas menores. Abría as súas portas en 2017, na contorna da praia e lagoa da Frouxeira, e dende ese ano pasaron polo centro máis dun centenar de nenas e nenos. Conta con 20 prazas, é gratuíto para as familias, e ofrece tanto a xornada completa -de 8:00 a 16:00 h- como media xornada -de 9:00 a 13:00 h- como a posibilidade de máis de media xornada -entre 5 e 7 horas-.

Caracterízase por desenvolver un proxecto didáctico vencellado á natureza e ao territorio, involucrando activamente ás familias nos proxectos.