O Concello abre prazo para solicitar praza en “Concilia Tempos Mañás” no CPI Atios e unitarias de Lago e Taraza durante o próximo curso

O servizo de conciliación facilita a entrada anticipada aos centros educativos, e inclúe almorzos saudables e actividades de lecer

Valdoviño, 29 de maio do 2026. Nesta recta final do curso, e co ánimo de planificar o próximo, o Concello de Valdoviño abre prazo para solicitar praza no programa municipal “Concilia Tempos Mañás” que desenvolve no CPI Atios e nas escolas unitarias de Lago e de Taraza. O servizo municipal facilita a entrada aos escolares dende as 7:30 h no primeiro caso e dende as 8:00 h no segundo, sendo as 8:30 h o límite no caso de que almorcen no espazo. O programa busca así facilitar a nais e pais a conciliación das súas obrigas laborais e familiares procurando aos menores un inicio de día tranquilo, desfrutando do ambiente grupal e dun almorzo saudable, ofrecendo iogures, froita, froitos secos, mel, cereais, leite, pan… Neste exercicio, preto de medio centenar de cativos e cativas participan do mesmo.

As familias interesadas en solicitar praza poden descargar ficheiros na web municipal e presentalos no rexistro da casa consistorial ou a través da sede electrónica a partir do luns 1 de xuño e ata o día 12. O prazo faise coincidir co dos campamentos “Concilia Tempos Verán” para evitar duplicar desprazamentos e simplificar procesos.

De quedar prazas vacantes en “Concilia Tempos Mañás”, as familias poderán solicitalo ao longo do ano. O prezo é de 30 euros ao mes e de 20 euros medio mes.

FICHEIROS