O Concello abre prazo para solicitar as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e ao transporte

O trámite poderá realizarse a partir de mañá e por espazo de 30 días naturais

Valdoviño, 21 de xullo do 2023. O Concello de Valdoviño anunciaba esta mañá a convocatoria das axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e ao transporte. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe o anuncio, co que o prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá por espazo de 30 días naturais. O trámite pode realizarse no rexistro xeral ou telematicamente.

O Concello destinará unha partida de 10.000 euros a esta liña de subvencións, con posibilidade de ampliación. Así, con elas búscase facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e o seu fin é compensar a aquelas familias que polas súas condicións económicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da escolaridade.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións de material escolar as persoas físicas pai, nai, titor/a ou familias acolledoras de un/unha ou varios fillo/s ou filla/s con idade igual ou inferior a 23 anos con escolarización nos niveis de infantil, primaria ou secundaria dalgún dos centros educativos do concello de Valdoviño (exceptuando aqueles casos nos que non exista praza e inspección determine o traslado a centros de outras localidades) ou cursando Bacharelato/ Formación Profesional nalgún centro público educativo dos concellos limítrofes ou Universidade.

No caso das subvencións de transporte escolar, están dirixidas ás familias con menores con escolarización en Bacharelato e Formación Profesional de concellos próximos, así como ás persoas maiores de idade que cursen estudos nalgunha das Universidades de Galicia (igual ou menores de 23 anos).

Entre os requisitos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas no municipio, ao día nas obrigas tributarias co Concello, Axencia Estatal Tributaria, Seguridade Social e Facenda da Comunidade, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.