O Concello abre prazo de presentación de candidaturas para a V Gala do Deporte

A festa do deporte local xa ten data: o venres 19 de abril

Valdoviño, 23 de febreiro de 2024. O alcalde, Alberto González, avanzaba esta mañá a data de celebración da V Gala do Deporte de Valdoviño. Será o venres 19 de abril, e hoxe a Concellería de Deportes abría o prazo para que clubs, asociacións, entidades e veciños/as poidan presentar as candidaturas daqueles/as deportistas do municipio que consideran reuniron os méritos ao longo do pasado ano para ser distinguidos. O Concello remitirá por correo aos clubs as bases e tamén o ficheiro a cubrir. Así mesmo, a documentación está dispoñible para a cidadanía na web municipal. O prazo para enviala ao correo deportes@concellodevaldovino.com conclúe o 6 de marzo.

O concelleiro de área, Sergio Saavedra, explicaba que, con esta cita, o Concello quere recoñecer e pór en valor os méritos dos/as deportistas locais que teñan destacado especialmente ao longo do 2023, pero tamén novas promesas e adestradores/as, e entidades e persoas que contribuísen especialmente á promoción do deporte a través do seu traballo e entrega.

Haberá premios en cada unha das especialidades, tanto en categoría feminina como masculina, e a maiores catro mencións especiais: mellor promesa, mellor traxectoria deportiva, mellor adestrador/a e mención polo traballo, adicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello. Así mesmo, as bases contemplan unha mención especial en caso de que así o considere o xurado por algunha circunstancia especial.

BASES GALA DEPORTE

FICHEIRO PROPOSTA