O Concello abre o venres inscricións nunha nova edición de Concilia Deportes Nadal
Durante as próximas vacacións, celebrarase no pavillón municipal do Longoiro, para familias con nenos e nenas de entre 4 e 12 anos
Valdoviño, 28 de novembro de 2023. O Concello de Valdoviño abrirá este venres 1 de decembro o prazo de inscrición nunha nova edición de Concilia Deportes Nadal!, os campamentos cos que botar unha man ás familias á hora de compatibilizar obrigas laborais e familiares durante as próximas vacacións escolares. Repite escenario, e celebrarase no pavillón municipal do Longoiro, os días 26, 27, 28 e 29 de decembro, e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, en horario de 8:00 a 14:00 horas (e posibilidade de entrada entre as 8 e as 10 h). Está ideado para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos (nados entre os anos 2011 e 2019 incluídos), e o custe da actividade é de 22,12 euros por participante.
Entre as actividades a desenvolver, todo tipo de deportes e obradoiros. Cada día, unha diferente. Tenis, bádminton, atletismo, voleibol, baloncesto, tenis de mesa, xogos tradicionais, tiro con arco, floorball… pintacaras, talleres de manualidades, música…
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 15 de decembro -incluído-, tanto na casa consistorial como a través da sede electrónica (https://sede.concellodevaldovino.com/sxc/gl/procedimientosytramites/tramites/SolicitudProgValdovinoSaudableyExtraescolare) e a ficha pode descargarse da web municipal.
En caso de que a demanda exceda a oferta de prazas, terán prioridade os nenos e nenas empadroados/as en Valdoviño.