O Concello abre o próximo luns inscricións na programación de actividades OcioSol na piscina

Poderá formalizarse a través dun formulario online na web municipal ou presencialmente na casa consistorial, ata o 26 de xuño

Valdoviño, 12 de xuño do 2026. A Concellería de Deportes abrirá o próximo luns 15 de xuño o período de inscrición para o programa de actividades estivais OcioSol 2026, que se desenvolverá na piscina municipal de Lago durante os meses de xullo e agosto. As persoas interesadas terán ata o próximo 26 de xuño para formalizar a súa solicitude. A campaña deste ano mantén o seu enfoque na conciliación e na promoción da saúde a través dunha oferta variada que se impartirá exclusivamente en horario de mañá. As tardes reservaranse, como é costume, para o uso recreativo e desfrute das instalacións por parte da veciñanza e visitantes.

A programación inclúe cursos de natación dirixidos a diferentes segmentos de idade e niveis de aprendizaxe: catro grupos de iniciación, dous de nivel intermedio e un de perfeccionamento; sesións específicas para bebés de entre 4 e 36 meses, que deberán acudir acompañados/as dunha persoa adulta, e sesións de aquagym e quendas de nado libre.

Os prezos fixados polo Concello mantéñense respecto a convocatorias anteriores, e os cursos de natación terán un custo de 7,37 euros ao mes e aquagym e a modalidade de nado libre terán unha cota mensual de 8,86 euros.

As prazas pódense solicitar a través de dúas vías: cumprimentando o formulario online habilitado na páxina web do Concello, onde tamén se poden consultar os horarios detallados de cada actividade, e presencialmente, na primeira planta da casa consistorial.

Desde a Concellería de Deportes infórmase de que no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñibles en calquera das quendas, as persoas empadroadas no municipio terán prioridade na adxudicación.