O Concello abre o prazo para solicitar as axudas para a adquisición dos agasallos de Nadal para familias con escasos recursos
As solicitudes poden presentarse a partir de hoxe, e por espazo de 10 días hábiles, no rexistro municipal ou a través da sede electrónica
Valdoviño, 26 de novembro do 2024. O Concello de Valdoviño abre hoxe, e por espazo de 10 días hábiles, o prazo de solicitude para optar ás axudas de Nadal para a adquisición de agasallos. Unha liña de subvencións coa que contribuír a que todos os nenos e nenas poidan ter o seu agasallo nestas datas, apoiando a situación económica na que se atopan algunhas familias. Trátase dunha axuda dunha cuantía única de 50 euros que poderá destinarse a xogos e xoguetes, aparellos tecnolóxicos ou roupa.
As axudas están dirixidas a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras con fillos ou fillas menores de idade e empadronados/as en Valdoviño que non superen uns ingresos mínimos establecidos nas bases da convocatoria (a consulta na sede electrónica municipal e taboleiro de anuncios da casa consistorial).
As solicitudes e a documentación requirida presentarase no rexistro xeral da Casa do Concello de Valdoviño de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ou a través da sede electrónica.