O Concello abre o prazo para a presentación de candidaturas para a VI Gala do Deporte
A gran festa do deporte local celebrarase o venres 23 de maio
Valdoviño, 4 de abril do 2025. O Concello celebrará a VI Gala do Deporte de Valdoviño o venres 23 de maio no auditorio da casa da cultura, e hoxe, abría prazo para que veciños e veciñas, clubs e entidades poidan presentar as candidaturas dos e das deportistas locais que consideren merecen ser recoñecidos nesta cita polos méritos e éxitos acadados ao longo do pasado ano 2024. A data límite para facelo é o 21 de abril, enviando un correo a deportes@concellodevaldovino.com. En paralelo, a Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra está a remitir por correo as bases da gala aos clubs e federacións.
O alcalde, Alberto González, explicaba que, con esta cita, Valdoviño quere poñer en valor o traballo e talento dos deportistas do municipio, así como ás novas promesas, adestradores/as, entidades e veciñas e veciños que contribuísen especialmente á promoción do deporte co seu traballo e entrega. Deste xeito, ademais dos premios en cada unha das disciplinas -e das que sairá o mellor ou a mellor deportista do ano-, haberá tamén mencións especiais.
O xurado volverá estar integrado por xornalistas deportistas que cubren a diario a información local e comarcal, e as bases da convocatoria están dispoñibles na web municipal.
