O Concello abre o prazo de reserva de praza no programa municipal “Concilia Tempos Mañás” no CPI Atios e escolas de Lago e de Taraza

O recurso de conciliación facilita a entrada dende as 7:30 h no Atios e dende as 8:00 h nas unitarias, con almorzos e lecer saudable

Valdoviño, 20 de xuño do 2025. O Concello de Valdoviño abre hoxe inscricións no programa municipal «Concilia Tempos Mañás». Trátase dun recurso de conciliación para as familias con menores escolarizados no CPI Atios e nas escolas de Lago e de Taraza, que facilita a entrada dende as 7:30 horas no primeiro caso e dende as 8:00 horas nas unitarias, axudando a nais e pais a compatibilizar as obrigas laborais co coidado dos seus fillos e fillas. Del beneficiáronse medio centenar de nenos e nenas no curso que remata hoxe, e a previsión é manter os rexistros, que medran ano tras ano.

Así, a Concellería de Servizos Sociais adianta a reserva de praza para o curso escolar 2025-2026, e ata o 30 de xuño manterase aberto o prazo de inscrición, que pode formalizarse na casa consistorial -rexistro municipal- ou a través da sede electrónica. No caso de quedar prazas vacantes, poderá solicitarse ao longo do ano. O prezo é de 30 euros ao mes e de 20 euros medio mes.