O Concello abre o prazo de preinscrición na campaña de esquí da Deputación
Valdoviño conta con 6 prazas para as datas do 13 ao 16 de xaneiro, e os/as interesados/as deben presentar a solicitude no rexistro municipal
Valdoviño, 2 de decembro do 2022. O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, abre o prazo de preinscrición na Campaña de Esquí que promove a Deputación provincial da Coruña. Un trámite que debe formalizarse ata o 14 de decembro no Rexistro Xeral –a ficha de inscrición pode descargarse da web municipal-. A través da mesma, rapaces e rapazas de entre 11 e 15 anos (cumpridos a 31 de decembro de 2022) poderán gozar de estancias na estación de Valgrande-Pajares (Asturias). Alí, poderán participar en cursiños de esquí e actividades complementarias nun proxecto que inclúe aloxamento e manutención.
As estancias comezarán no mes de xaneiro e o Concello ten asignadas 6 prazas para a primeira quenda, do 13 ao 16 de xaneiro. Se a demanda excedese as prazas ofertadas, realizaríase un sorteo no Concello. O custe da actividade é de 85 euros.