O Concello abre luns o prazo para solicitar as axudas para os agasallos de Nadal

Están dirixidas a familias empadroadas con menos recursos

Valdoviño, 27 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño abre o próximo luns 1 de decembro, e por espazo de 10 días hábiles, o prazo de solicitude para optar ás axudas de Nadal para a adquisición de agasallos. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria desta liña de subvencións coa que contribuír a que todos os nenos e nenas poidan ter o seu agasallo nestas datas, apoiando a situación económica na que se atopan algunhas familias. Trátase dunha axuda dunha cuantía única de 50 euros que poderá destinarse a xogos e xoguetes, aparellos tecnolóxicos ou roupa.

A convocatoria está dirixida a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras con fillos ou fillas menores de idade e empadronados/as en Valdoviño que non superen uns ingresos mínimos establecidos nas bases da convocatoria (a consulta pode realizarse a través da sede electrónica municipal e o taboleiro de anuncios da casa consistorial).

As solicitudes e a documentación requirida presentarase no rexistro xeral da Casa do Concello de Valdoviño de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ou a través da sede electrónica.