O Concello abre inscricións nunha nova ruta guiada polo “sendeiro equipado” das Ferrerías
Con prazas limitadas e participación de balde, celebrarase o 17 de xaneiro
Valdoviño, 7 de xaneiro do 2026. O Concello de Valdoviño organizará o vindeiro sábado 17 de xaneiro unha nova ruta guiada polo “sendeiro equipado” das Ferrerías, o primeiro do municipio e un dos poucos existentes en Galicia. Trátase dun percorrido duns 5 quilómetros lineais paralelo ao cauce fluvial, entre o aparcadoiro próximo á praia de Vilarrube e as inmediacións do encoro das Forcadas. Unha zona virxe e salvaxe, con flora de ribeira autóctona e fermosos saltos de auga, accesible coa instalación de grapas e pasamáns que permiten salvar os obstáculos presentes nalgúns tramos. A eses 5 km hai que sumar outros 5 da volta, por un camiño alternativo. O sendeiro inaugurábase hai apenas dúas semanas cunha primeira ruta guiada pola firma Portal Norte, encargada do deseño do itinerario, e tamén, da limpeza e mantenemento do percorrido durante todo o ano por encargo do Concello.
Tras a magnífica resposta da cidadanía, a Concellería de Turismo que dirixe Rosana García reeditará agora a ruta guiada, de balde e con prazas limitadas. A inscrición ábrese hoxe, 7 de xaneiro, a través do whatsapp 648 877 780. Arrincará ás 10 horas, cunha duración estimada de 4 horas e dificultade media-alta. No caso de menores de idade, deberán ir acompañados/as dunha persoa adulta. Tamén é obrigatorio levar calzado de montaña con bo agarre, roupa adecuada, impermeable, luvas e auga.
