O Concello abre inscricións nun programa de formación para coidadores de persoas con deterioro cognitivo e dependentes en xeral

A participación é gratuíta, e consta de dúas sesións onde se abordarán cuestións clave para facilitar o día a día como mobilizacións e prevención de problemas circulatorios en persoas encamadas

Valdoviño, 14 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño abre inscricións na Formación especializada en alzhéimer e outras demencias, dirixida a familias e coidadores de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. A participación é gratuíta, e a iniciativa consta de dúas sesións, que se celebrarán o martes 25 e o xoves 27 de novembro, de 16 a 18 horas no centro sociocomunitario de Valdoviño. Para anotarse, as persoas interesadas deben acudir aos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da casa consistorial-, chamar ao 981 48 70 41 extensión 5, ou enviar un email a servizos.sociais@concellodevaldovino.com.

Na primeira sesión, persoal técnico abordará a identificación de síntomas e fases do alzhéimer, estratexias de comunicación coa persoa afectada e terapias non farmacolóxicas. A segunda, de carácter eminentemente práctico, centrarase nas mobilizacións e tranferencias seguras, prevención de problemas circulatorios e cutáneos en persoas encamadas ou técnicas para facilitar a autonomía nas actividades básicas da vida diaria.

O obxectivo do proxecto, segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, é brindar ferramentas e coñecementos prácticos para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas con demencia, e ao mesmo tempo, facilitar o labor das persoas coidadoras.

AFAL Ferrolterra guiará as sesións do programa, posible grazas ao financiamento da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e o apoio do Concello de Valdoviño.