O Concello abre inscricións nos talleres de musicoterapia para maiores de 55 en Pantín, Sequeiro e Vilaboa e amplía as sesións a Meirás

A Concellería de Servizos Sociais investirá preto de 11.000 euros na actividade, que un ano máis guiará Afal Ferrolterra

Valdoviño, 23 de setembro do 2024. O Concello de Valdoviño organizará un ano máis talleres de musicoterapia nas parroquias para persoas maiores de 55 anos. Tal e como explicaba o alcalde, Alberto González, a actividade, que leva por título «Ponlle ritmo á vida», busca promocionar hábitos saudables e favorecer un espazo de encontro entre os maiores, fomentando un envellecemento activo. Neste curso 2024-2025, o rexedor avanzou que se ampliarán as localizacións das clases, e atendendo ás peticións cursadas por parte de veciños e veciñas, incorpórase Meirás, que se suma así a Pantín, Sequeiro e Vilaboa. Ademais, a participación volverá ser gratuíta, polo que o Concello investirá na actividade preto de 11.000 euros, que guiará de novo Afal Ferrolterra.

Os talleres de musicoterapia levaranse a cabo os luns ás 18:30 horas no local social de Sequeiro; os mércores ás 17:30 horas no local social de Vilaboa, os xoves ás 18:30 horas no local social de Pantín, e os venres no local social de Montefaro, en Meirás. En todos os casos, nos locais sociais, cunha duración de hora e media.

A intención é arrincar o curso no mes de outubro, e a reserva de praza debe realizarse no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial, teléfono 981 48 70 41 ext.5 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com-