O Concello abre inscricións nos novos talleres de saúde sexual “Encantada de coñecerme”

Con participación gratuíta, celebraranse os mércores 6 e 13 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas, na casa consistorial

Valdoviño, 26 de febreiro de 2024. Coa vista posta na programación do Día da Muller, o Concello de Valdoviño pon en marcha unha nova edición dos obradoiros «Encantada de coñecerme» de atención en saúde sexual para mulleres adultas. Haberá 2 sesións, os mércores 6 e 13 de marzo, en horario de 10:00 a 13:00 horas na casa consistorial. A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -casa do concello ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5-.

Nos obradoiros, que impartirá persoal de SEDRA -Federación de Planificación Familiar- abordaranse conceptos importantes para a saúde e desenvolvemento das mulleres ao longo do seu ciclo vital. Falarase de temas relacionados cos diferentes momentos vitais clave (madurez, menopausia e climaterio), da autoestima e benestar, dos coidados sobre o noso corpo e da anatomía e fisioloxía da sexualidade. Analizaremos como nos relacionamos con nós mesmas e en parella, e a clave para establecer unhas relacións positivas e saudables.

En función das características do grupo poderá tratarse o tema da maternidade, dos métodos anticonceptivos e da prevención de enfermidades. Así mesmo, darase a coñecer o sistema normalizado de atención á saúde e os recursos de proximidade.