O Concello abre inscricións no XXV Festival de Entroido a comparsas, grupos, parellas e disfraces individuais

Celebrarase no anfiteatro da casa da cultura o sábado 8 de marzo

Valdoviño, 17 de febreiro do 2025. O Concello de Valdoviño celebrará o seu XXV Festival de Entroido o sábado 8 de marzo no anfiteatro da casa da cultura, tras o desfile previo que, como é tradición, partirá da casa consistorial. Coa vista posta na cita, hoxe publicaba as bases do certame no Boletín Oficial da Provincia, e mañá martes, abrirá o prazo de inscricións para comparsas, grupos, parellas e persoas disfrazadas a título individual. 

O festival contará cun tope de 8 comparsas participantes, e a inscrición pode formalizarse ata o 27 de febreiro a través da sede electrónica ou de forma presencial na casa da cultura, de luns a venres de 11 a 13 e de 17 a 19 h. A maiores, o mesmo día 8 marzo de 16:30 a 17:00 h, habilitarase un prazo extra para anotarse dirixido á categoría individual, sempre e cando non formalizasen previamente inscrición.

Haberá 3 galardóns para as comparsas (1º premio de 550 euros; 2º premio de 460 euros e 3º premio de 390 euros); 2 galardóns para os grupos -de 3 a 7 integrantes- (1º de 250 euros e 2º de 150 euros); 1 premio de 100 euros para a mellor parella e outro de 50 euros para o mellor disfraz individual. Ademais, todas as comparsas inscritas recibirán unha gratificación de 300 euros para animar á participación -non acumulativa cos premios, de facerse con eles-.

Por último, dende o Concello de Valdoviño anímase a todos os veciños e veciñas a disfrazarse e participar do desfile que precederá ao festival.

As bases da convocatoria e a documentación a entregar poden consultarse e descargarse da web municipal.

BASES

FICHEIRO INSCRICIÓN

ANEXO