O Concello abre inscricións no taller de Ramas Literarias que organiza para o público infantil
A actividade, de balde, está dirixida a nenos e nenas de 6 a 11 anos, e terá lugar o xoves 23 ás 17:30 horas na casa da cultura
Valdoviño, 13 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño abre inscricións no obradoiro de Ramas Literarias que se celebrará o vindeiro 23 de abril ás 17:30 h na casa da cultura, coincidindo co Día Internacional do Libro. A actividade está dirixida a nenas e nenos de 6 a 11 anos -incluídos-, e a participación é de balde. Con aforo limitado, as familias poden anotar aos seus fillos e fillas na casa da cultura -de luns a venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 h, ata o día 22, e o mesmo 23 de 10 a 14 h, ou ata completar prazas-. Neses mesmos horarios, nos teléfonos 981 48 76 66 e 689 283 249.
O taller convida a nenas e nenos a reflexionar sobre aquelas historias que son importantes na súa vida literaria. Así, a modo de metáfora e recurrindo á figura das árbores, personalizarán o tronco e as súas ramas con elementos escritos ou decorativos relacionados con ditas historias. Un obradoiro para que os cativos e cativas traballen con diversos materiais como latas, ramas, la… ligándoos de xeito creativo coa literatura. A sesión é de 90 minutos.
A actividade está organizada pola Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña en colaboración coa Biblioteca Municipal de Valdoviño.
