O Concello abre inscricións no roteiro guiado ao Funil que organiza este xoves

Con prazas limitadas, debe formalizarse na casa da cultura ou 981 48 76 66

Valdoviño, 20 de xullo do 2026. O Concello de Valdoviño organiza este xoves 23 de xullo unha ruta guiada ao Funil, un lugar da parroquia de Pantín con moito encanto e historia. Será pola tarde, con saída ás 18:30 h dun punto do que informará a Concellería de Cultura ás persoas que formalicen a inscrición. Con prazas limitadas, o prazo para anotarse ábrese hoxe e manterase ata o mércores de 10:00 a 13:00 h. O trámite debe realizarse na casa da cultura ou no teléfono 981 48 76 66. A actividade, incluída no programa III Valdolingua IV Día do Orgullo Neofalante,  conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua.

O Funil ou Alfunil deriva da palabra árabe Alfolí, e significa almacén de sal. Na zona aínda podemos atopar restos das antigas construcións nas que se gardaba o considerado ouro branco. Un produto moi prezado antigamente, xa que permitía a conservación dos alimentos por longas tempadas.

A estes almacéns podíase acceder a través dun embarcadoiro que servía de base non só para o transporte de mercadorías senón tamén para o de persoas, aló polo século XVIII, aínda que posiblemente as infraestruturas fosen moi anteriores. No primeiro terzo do século pasado, perden a súa funcionalidade.