O Concello abre inscricións no 24º Festival de Entroido de Valdoviño, que presentará a galetiktoker Leti Da Taberna

O certame, que se celebrará o sábado 17 de febreiro, premiará a participación das comparsas cunha gratificación de 300 euros

Valdoviño, 31 de xaneiro de 2024. O Concello de Valdoviño abrirá mañá xoves 1 de febreiro a inscrición no seu XXIV Festival de Entroido, que terá lugar o sábado 17 de febreiro no anfiteatro da casa da cultura tras o desfile previo que partirá da casa consistorial. Este ano, estará conducido pola galetiktoker Leti Da Taberna, que regresará ao municipio tras a boa acollida do seu monólogo no ciclo municipal Únic@s.

O festival contará cun tope de 8 comparsas participantes, e a inscrición pode formalizarse ata o 11 de febreiro a través da sede electrónica ou de forma presencial na casa da cultura, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 19 h, e a maiores, o mesmo día 17, na casa consistorial de 16:30 a 17:00 h para a categoría individual sempre e cando non se formalizase previamente.

Ademais das comparsas, que deberán contar cun mínimo de 8 participantes, o festival dará entrada a novas categorías: grupo grande -de 5 a 7 integrantes- e pequeno -de 3 a 4 membros-, ademáis das parellas -2 persoas- e os disfraces individuais. Neste contexto, o certame repartirá 3.450 euros en premios: dende os 500 euros das comparsas ata os 50 euros dos disfraces individuais, e as primeiras recibirán 300 euros tan só por participar. Iso si, se finalmente gañan o premio, este sustituirase pola anterior gratificación. O certamen tamén inclúe este ano un Accésit ao Mellor Carnaval, cun premio de 50 euros, a elección do xurado.

Por último, dende o Concello de Valdoviño anímase a todos os veciños e veciñas a disfrazarse e participar do desfile que precederá ao festival.

BASES ANTROIDO 2024

INSCRICIÓNS 2024

ANEXO ENTROIDO 2024