O Concello abre inscricións na Aula de Artes Plásticas en Loira e na Aula de Cerámica en Vilaboa

A Concellería de Cultura aposta por dous artistas locais para guiar as sesións, con carácter interxeneracional e vocación de descentralización

Valdoviño, 01 de outubro do 2025. A Concellería de Cultura informaba esta mañá da apertura do prazo de inscrición na Aula de Artes Plásticas e, como novidade este curso, na Aula de Cerámica. Dúas accións con carácter interxeneracional, como apuntaba a edil de área, Rosana García, coas que tamén se busca descentralizar a actividade cultural máis aló da casa da cultura, polo que se celebrarán nos locais sociais de Loira e de Vilaboa.

O pintor local Manuel Carballeira volverá poñerse ao fronte das clases de debuxo e de pintura en Loira. Están pensadas para nenos e nenas a partir de 1º de Educación Primaria, e máis persoas adultas, e celebraranse sesións de 2 horas os martes pola tarde -con 2 grupos ás 16:30 h e ás 18:30 h en caso de que a demanda obrigue á creación desa segunda aula, como foi habitual os últimos anos-.

Pola súa banda, a Aula de Cerámica contará como mestra coa artesá local Martina Beceiro, con estudo en Porto do Cabo. As clases desenvolveranse no local social de Vilaboa -antiga escola unitaria- os xoves pola tarde, e como na anterior, en caso de demanda configuraranse 2 grupos: ás 16:30 e ás 18:30 horas. Están pensadas para nenos e nenas a partir de 3º curso de Primaria e persoas adultas.

O custe nos dous casos varía segundo a condición de menor idade, cun prezo de 22,12 euros/mensuais ou maior de idade, cun prezo de 29,49 euros/mensuais.

A inscrición ábrese hoxe, e poderá formalizarse presencialmente na casa da cultura ata o 10 de outubro, de luns a venres de 10 a 14 horas, ou a través da sede electrónica, ata o 12 de outubro.