O Concello abre inscricións na 2ª etapa guiada pola Ruta Costeira, entre San Xiao e Outeiro
Celebrarase este sábado, con saída do miradoiro de Pantín ás 10 horas
Valdoviño, 7 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño abre hoxe inscricións na segunda etapa da Ruta Costeira, que se celebrará este sábado 11 de abril, con saída ás 10:00 horas do Miradoiro de San Xiao, en Pantín. Serán 12 km, ata alcanzar o estacionamento da praia de Outeiro (Lago), nun percorrido con dificultade media e duración estimada de 3 horas. Entre os principais espazos de interese están a praia e lagoa da Frouxeira. O itinerario organizado pola Concellería de Cultura e Turismo estará guiado pola firma Portal Norte, e con prazas limitadas, tamén preferencia de inscrición as persoas participantes na primeira etapa celebrada o pasado venres -entre Porto do Cabo e o Miradoiro de San Xiao-. Para anotarse na iniciativa, de balde, é preciso escribir un whatsapp ao número 648 87 77 80 -de 10:00 a 16:00 h-.
A Ruta Costeira permite a veciños/as e visitantes percorrer o municipio de norte a sur, dende Porto do Cabo, en Vilarrube, ata Campelo, en Meirás. O Concello convidaba a descubrila a través de tres etapas guiadas. A primeira, en plena Semana Santa; a segunda este sábado, e a terceira, o 18 de abril (neste caso, informarase tamén da apertura dun prazo específico para anotarse).
En cada etapa trátase dun itinerario lineal, co que o regreso corre por conta das persoas participantes.
