O Concello abre inscrición na VIII Volta ás Forcadas, incluída no circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña

A cita celebrarase o domingo 15 de xuño a partir das 11:00 horas

Valdoviño, 14 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño abre inscricións na VIII Volta ás Forcadas, que se celebrará este ano o domingo 15 de xuño a partir das 11:00 horas. Unha edición máis, a cita formará parte do circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña, e permitirá desfrutar dunha contorna única entre as parroquias de Loira e Vilaboa. Segundo avanzaba esta mañá o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, a participación nas diferentes categorías é gratuíta, agás na absoluta, cunha cuota de 3 euros, e a data límite para anotarse é o 10 de xuño, a través do portal Carreiras Galegas da Federación Galega de Atletismo.

Con esta cita, o Concello aposta por fomentar hábitos de vida saudable, combatindo o sedentarismo e facendo oco á práctica de exercicio físico. De aí que o importante, máis aló dos resultados, sexa a participación. Saída e meta estarán situadas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa, cun percorrido pola contorna natural do encoro das Forcadas, considerado o segundo mar do municipio.

Está dirixida a nenos e nenas e persoas adultas, con distancias a cubrir segundo a categoría.  Dende os 100 metros dos biberóns ata os 9 km da asboluta. O Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo. O regulamento pode consultarse na web www.carreirasgalegas.com.

INSCRICIÓNS