O Concello abre este luns a inscrición no Concilia Deportes en Semana Santa
Trátase dun programa de lecer para favorecer a conciliación con múltiples obradoiros e actividades deportivas no pavillón municipal do Longoiro
Valdoviño, 17 de marzo do 2023. O Concello de Valdoviño reactivará nas vacacións escolares o “Concilia Deportes en Semana Santa”. Unha programación de lecer para os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos pensada para facilitar ás familias a necesaria conciliación de traballo e coidado dos fillos e fillas a través de actividades divertidas e didácticas para os máis pequenos da casa primando a práctica deportiva.
Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que o programa celebrarase no pavillón municipal do Longoiro o luns 3, o martes 4 e o mércores 5 de abril, con entrada flexible entre as 8 e as 10 da mañá e saída ás 14:00 horas. Nese período a rapazada poderá participar en xogos tradicionais e musicais, obradoiros de reciclaxe e practicar unha morea de disciplinas deportivas (fútbol, hockey, tenis, bádminton…)
A inscrición abrirase o próximo luns, 20 de marzo, e manterase ata o día 29. As prazas serán limitadas e outorgaranse por rigorosa orde de presentación, tendo os menores empadroados preferencia sobre o resto.
As familias terán que presentar, debidamente cuberta, por rexistro presencial no Concello (de 9 a 14 h) ou a través da sede electrónica a folla de inscrición – esta se pode conseguir ben nas oficinas municipais ben na sede electrónica no apartado de deportes- e abonar a cota de participación, que ascende a 22,12 euros, na conta bancaria que figura no propio boletín de inscrición, con indicación do nome e apelidos do neno/nena e da actividade Concilia Semana Santa Valdoviño.