O Concello abre hoxe o prazo de preinscrición na Escola Municipal de Música

As actividades ofertadas son piano, guitarra, batería, canto contemporáneo e, para nen@s de 3 a 5 anos, música e movemento

O Concello de Valdoviño abre hoxe mércores 30 de setembro o prazo de preinscrición na Escola Municipal de Música. Neste curso, para alumnos/as de 6 anos en adiante ofertaranse clases de piano (mércores e venres); guitarra (luns, xoves e venres); batería (martes e mércores) e canto contemporáneo (luns). Así mesmo, para aqueles de entre 3 e 5 anos, o Concello programará música e movemento (os venres). As actividades desenvolveranse no local social de Sequeiro e as prazas son limitadas, con preferencia para os veciños e veciñas de Valdoviño. 

Así, a preinscrición prolongarase ata o 7 de outubro, coa vista posta en iniciar as clases o 19 do mesmo mes. As persoas interesadas poden descargarse a ficha da web municipal e enviala ao correo cultura@concellodevaldovino. Excepcionalmente, en caso de que algunha persoa teña dificultade para descargar e/ou cumprimentar a preinscrición, poderá chamar ao teléfono da Concellería de Cultura (981 48 76 66) de luns a venres de 11 a 14 horas. 

Este ano os sistemas de pagamento serán ben a través da domiciliación bancaria ou ben a través de transferencia á conta que se indique. En todo caso, informarase ao/á alumno/a unha vez sexa admitido/a de como levar a cabo o proceso de ingreso mensual. Por último, sinalar que o custo da actividade é de 10 euros mensuais, en clases dunha hora unha vez por semana.

.