O Concello abre este venres o prazo de inscrición no programa de actividades deportivas “Valdoviño Saudable”

Ofertará ximnasia, tiro con arco, tenis e ioga, e as clases, segundo a actividade, terán lugar en Meirás, Valdoviño e Vilarrube

Valdoviño, 15 de setembro do 2022. O Concello abre mañá venres inscricións en «Valdoviño Saudable», a programación deportiva municipal para o curso 2022-2023. Incluirá clases de tenis, tiro con arco, ximnasia e ioga, e na filosofía iniciada durante o pasado mandato, procurarase unha descentralización das actividades nas diferentes parroquias.

Así, o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, albergará as actividades de tenis e tiro con arco. No primeiro caso, a intención é crear 3 grupos segundo o nivel das persoas participantes, os martes e xoves, con clases de 19:00 a 20:00 h; de 20:00 a 21:00 e de 21:00 a 22:15 h. Ademais, tiro con arco terá lugar luns e mércores de 18:00 a 20:00 horas.

Pola súa banda, a actividade de ximnasia desenvolverase na Casa da Cultura de Valdoviño (martes e venres de 10:00 a 11:00 h, e de 11:00 a 12:00 h en caso de constatarse demanda); no polideportivo de Meirás (luns, mércores e venres de 11:15 a 12:15 h), e no local social de Vilarrube (mércores e xoves de 20:00 a 21:00 h).

E, no tocante a ioga, que terá lugar na Casa da Cultura, ofertaranse prazas para a quenda dos luns e mércores de 20:30 a 22:00 h.

A inscrición está aberta coa idea de comenzar o curso a primeiros de outubro, e pode formalizarse presencialmente na planta baixa da casa consistorial -de luns a venres de 9:00 a 14:00 h- ou a través da sede electrónica, na web municipal –https://cutt.ly/VCM1EXO-. O custe mantense respecto a anos anteriores, e as tarifas oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal -agás ioga, con cuota de 20 euros-.