O Concello abre este mércores inscricións nas actividades deportivas extraescolares nas que incorpora skate, duatlón e multixogo
Oferta nove disciplinas deportivas, a desenvolver nas instalacións do CPI Atios, cunha cuota de participación mensual de 10 euros
Valdoviño, 13 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño abrirá mañá mércores o prazo de inscrición na programación de actividades deportivas extraescolares prevista para o curso 2022-2023. Entre as novidades, ofertará skate, duatlón e multixogo, que se suman a atletismo, psicomotricidade, ximnasia rítmica, bádminton, patinaxe artística e karate (iniciación e perfeccionamento). Nove disciplinas deportivas que se desenvolverán con periodicidade semanal (dous ou un día á semana) nas instalacións do CPI Atios. O custe é de 10 euros ó mes, e agás psicomotricidade e multixogo -para nenos/as de 4 a 8 anos-, o resto das actividades están dirixidas a pequenos/as a partir de 6 anos.
As persoas interesadas en tomar parte poden formalizar a súa inscrición presencialmente, na planta baixa da casa consistorial, de 9:00 a 14:00 horas, ou telematicamente a través da web municipal -a partir de mañá mércores-. Así mesmo, os impresos de solicitude, instruccións de pago e de domiciliación poden descargarse dende hoxe da mesma web.
Hai 4 anos, o Concello de Valdoviño asumía a xestión das actividades extraescolares a petición da ANPA do centro, recaendo dende entón a organización das mesmas. Ó longo da próxima semana informarase tamén do resto da programación deportiva para este curso.